A Xunta Executiva do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais lamenta comunicar o falecemento do noso compañeiro JOEL FERNÁNDEZ SOTO, Ex Decano e Decano de Honra do Colexio de Vigo. O óbito aconteceu o 17 de novembro de 2020, aos 92 anos de idade.
Joel Fernández Soto fora Vogal da Xunta de Goberno do COETI de Vigo dende 1977 a 1981, Vicedecano desde 1981 a 1983 e Decano dende 1983 a 2003.
Entre as moitas actividades corporativas nas que participou en décadas, foi fundador e primeiro Presidente da “ Intercolexial Galega de Enxeñeiros Técnicos Industriais” (1992-93), xérmolo do atual Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais e fundador e primeiro Presidente da Asociación de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Pontevedra (1988-2003). Ostentaba as distincións de Socio de Mérito da UAITIE (1997), Colexiado de Honra do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense (1998), Insignia de Prata nº 79 da UAITIE (2003), Insignia de Ouro do CGETI (2003) e Decano de Honra de COITIVIGO (2007).
Na tarefa docente que desenvolveu na EUITI de Vigo ostentou os cargos de Xefe de Talleres e Laboratorios (1970-75), Secretario (1975-85), Director do Departamento de Deseño na Enxeñería da Universidade de Vigo (1990-98) e Director de Grupo de Traballo da LOGSE (1994-98) na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).
No seu labor editorial cumpre destacar de xeito senlleiro o libro “A Enxeñaría Técnica Industrial en Galicia”, que con minuciosidade e rigor documenta os estudos e a profesión desde os seus inicios ata os nosos días, constituíndo unha auténtica biblia da nosa profesión.
Tamén habería que resaltar o brillante papel que desempeñou como Presidente do emblemático I Congreso Galego de Enxeñaria, en 1993.
Con a agarimosa lembranza e respecto de todos os Enxeñeiros Técnicos Industriais de Galicia. D.E. P.
Comments